Wednesday 08 de May de 2024

Capturadas 8.164 avespas velutinas nos dous primeiros meses da campaña de trampeo promovida polo Concello


221 veciños e veciñas das 18 parroquias colaboran co servizo municipal de control de pragas para frear a propagación da especie invasora

O servizo municipal de control de pragas conta xa con 221 persoas colaboradoras na loita contra a avespa velutina. A rede de voluntariado esténdese polas 18 parroquias e segue aberta a novas incorporacións. Se estás interesado/a só tes que pasar polas oficinas da empresa que se encarga do servizo, situadas na rúa Brasil número 27.

A campaña arrincou coincidindo coa asemblea xeral da Asociación Galega de Apicultura (AGA), que se celebrou a principios de marzo no Fórum. AGA e Concello de Carballo levan anos colaborando na loita contra a especie invasora, e, de feito, entre as persoas que participan na campaña de trampeo hai moitos apicultores e apicultoras. Grazas a esta gran rede de colaboradores/as, nos dous primeiros meses da campaña de trampeo foron capturadas 8.164 avespas.

Dende que se puxo en marcha a campaña anual tamén se repartiron 1.174 trampas e 1.072 litros de líquido atraente, todo de balde. De xeito paralelo, seguimos coas charlas en distintas zonas do concello coa finalidade de achegar a información a toda a poboación. O ano pasado celebráronse charlas nos centros sociais de Sofán, Rus, Lema, Cances e Escola de Arrabaldes, e este ano leváronse a cabo na Brea, Sísamo e Bértoa. En todas elas, o responsable do servizo, Isidro Rodríguez, explicou dun xeito moi ameno tanto os prexuízos da avespa asiática para a cría de abellas e a produción de mel como as medidas para previr picaduras, o xeito de preparar unha trampa caseira ou como participar na campaña de trampeo, entre outros aspectos.
Dende o Concello de Carballo queremos agradecer a implicación da cidadanía na loita contra a avespa velutina. A campaña de trampeo concéntrase entre principios de marzo e finais de maio, coincidindo coa aparición dos primeiros niños primarios, o que permite capturar ás raíñas e evitar a formación de futuros niños secundarios.
Lembra que os avisos dos niños que poidan ir aparecendo deben tramitarse a través do teléfono da Xunta de Galicia 012.